
Sobre nosotros
O CPI Plurilingüe de Navia de Suarna pretendeu facer con esta colleita de imaxes un percorrido pola historia dun concello, Navia de Suarna (A Pobra de Navia) para que uns rememoren e outros descubran como traballaban, se divertían, despedían aos seus familiares e, en resumo, vivían.
A sabedoría popular di que calquera tempo pasado foi mellor, o cal non é sinónimo de que a vida fose máis sinxela ou menos dura, pero a dicir verdade, o pasado é o tempo do cal podemos falar con coñecemento, onde están as nosas experiencias e lembranzas.
Este traballo de compilación fotográfica púidose desenvolver grazas ás persoas que tiveron o coidado impagable de conservar estes documentos gráficos e, a comunidade escolar encargouse de dixitalizar e difundir ese material coa finalidade de que as novas xeracións coñezan as súas orixes.
Para a súa divulgación editáronse dous libros: Unha imaxe... mil recordos e Unha historia para un futuro, que levaban cadanseu CD coa totalidade das fotos cedidas (preto de dúas mil) e dúas exposicións, unha no propio centro educativo e outra nos establecementos hostaleiros da vila.
Somos conscientes de que debemos conservar este patrimonio fotográfico aproveitando os medios dixitais que se nos ofrecen xa que a nosa memoria é moi fráxil e sabemos das limitacións propias do soporte papel das fotografías que os veciños e as veciñas teñen nas súas casas, por iso desde aquí, tamén facemos un chamamento para que todos aqueles que teñan algún deses documentos gráficos o acheguen a estes álbums que queremos compartir con todos.